Traballador/a Social

Santiago de Compostela

Inscribirme

Traballador/a Social

Santiago de Compostela

Inscribirme

Descripción

Na Federación Dano Cerebral Galicia buscamos incorporar ao noso equipo unha persoa titulada en Traballo Social, comprometida coa defensa dos dereitos, a inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.


Descrición do posto


A persoa seleccionada participará no deseño, planificación, coordinación, execución, seguimento e xustificación de proxectos, programas e intervencións no ámbito do traballo social, orientados á promoción da autonomía persoal, a autodeterminación, a vida independente e a participación social das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.

Así mesmo, colaborará na organización e desenvolvemento de accións de información, sensibilización e concienciación social sobre o dano cerebral adquirido, contribuíndo á súa visibilización e ao coñecemento das necesidades e dereitos do colectivo.

Formará parte dun equipo multidisciplinar, integrado por profesionais do traballo social, formación, terapia ocupacional, logopedia, comunicación, psicoloxía, administración e xestión económica e dirección.


Principais funcións


  • Deseñar, executar, coordinar e avaliar proxectos e programas de intervención social.
  • Desenvolver accións de información, orientación, asesoramento e acompañamento a persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias.
  • Promover a autonomía persoal, a vida independente, a participación comunitaria e a inclusión social.
  • Organizar e desenvolver actividades de sensibilización, formación e divulgación sobre o dano cerebral adquirido.
  • Participar en programas de ocio e deporte inclusivo, capacitación, orientación laboral e promoción da cidadanía activa.
  • Coordinar actuacións coas asociacións federadas, administracións públicas, entidades sociais e outros axentes comunitarios.
  • Elaborar documentación técnica, informes, memorias e xustificacións dos proxectos desenvolvidos.
  • Participar no seguimento e avaliación das actuacións, incorporando un enfoque centrado na persoa, de dereitos, igualdade de oportunidades e accesibilidade universal.


Condicións laborais


Centro de traballo: sede de Dano Cerebral Galicia, rúa Galeras, 17, 2º, oficina 5, Santiago de Compostela.

Ámbito territorial: Comunidade Autónoma de Galicia. O posto require desprazamentos frecuentes para o desenvolvemento de actividades e a coordinación con outras entidades.

Modalidade contractual: contrato de duración determinada de 12 meses, vinculado ao programa de cooperación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

A contratación estará condicionada á concesión da correspondente subvención.

Data prevista de incorporación: 09 de decembro de 2026

Xornada laboral: 75 % da xornada establecida no convenio colectivo de aplicación (28,5 horas semanais).

Horario habitual: de luns a xoves de 8:30 a 14:30 horas e venres de 08:30 a 13:20 horas, con flexibilidade de entrada e saída para favorecer a conciliación. Poderán realizarse adaptacións puntuais do horario, incluíndo actividades de tarde, en función das necesidades dos programas.

Retribución Bruta: 1368,27€, segundo o Convenio Colectivo de Centros de Atención a Persoas con Discapacidade.


Que ofrecemos?


  • Incorporación a unha entidade de referencia en Galicia no ámbito do dano cerebral adquirido.
  • Participación en proxectos de impacto social e promoción dos dereitos das persoas con discapacidade.
  • Traballo nun equipo multidisciplinar e colaborativo.
  • Oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento profesional.
  • Medidas de flexibilidade horaria e conciliación da vida persoal e laboral.


Requisitos

Requisitos obrigatorios


  • Titulación universitaria oficial de Grao ou Diplomatura en Traballo Social.
  • Permiso de conducir B en vigor e dispoñibilidade de vehículo propio.
  • Dispoñibilidade para realizar desprazamentos frecuentes por toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Dispoñibilidade e flexibilidade horaria para adaptar puntualmente a xornada laboral ás necesidades das actividades e proxectos desenvolvidos.


Formación e experiencia valorables


Formación especializada

  • Formación complementaria no ámbito da discapacidade, especialmente en dano cerebral adquirido, discapacidade intelectual ou cognitiva.
  • Formación de posgrao en discapacidade, dependencia, autonomía persoal, intervención social e comunitaria ou outras áreas relacionadas co posto.


Experiencia profesional

  • Experiencia profesional mínima dun ano en postos similares, desenvolvendo funcións propias do traballo social en entidades do terceiro sector, especialmente no ámbito da discapacidade, dependencia ou atención sociosanitaria.
  • Experiencia na atención, orientación e acompañamento a persoas con discapacidade e ás súas familias.
  • Experiencia na planificación, execución, seguimento, avaliación e xustificación técnica de proxectos e programas sociais.
  • Experiencia no traballo en rede e na coordinación con administracións públicas, entidades sociais e outros recursos comunitarios.


Requisitos específicos da convocatoria de subvencións

A contratación está vinculada á convocatoria de 2026 de subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro (procedemento TR352A), regulada pola Orde do 7 de xullo de 2026.

De conformidade co artigo 16 das bases reguladoras, as persoas candidatas deberán cumprir os seguintes requisitos:


1. Situación de desemprego e inscrición como demandante de emprego.

Estar desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e dispoñibles para o emprego.

2. Limitación por contratacións anteriores.

Non ter sido contratadas, en calquera entidade, durante un período igual ou superior a 180 días ao abeiro das axudas concedidas nas seguintes convocatorias de programas de cooperación:

  • Orde do 31 de xullo de 2023 (DOG núm. 152, do 10 de agosto): TR352A 2023.
  • Orde do 30 de xullo de 2024 (DOG núm. 155, do 12 de agosto): TR352A 2024.
  • Orde do 4 de agosto de 2025 (DOG núm. 157, do 19 de agosto): TR352A 2025.

3. Incompatibilidade por parentesco.

Non ser cónxuxe nin ter relación de parentesco, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, con persoas que exerzan funcións directivas na entidade contratante.


Os requisitos establecidos nas bases deberán cumprirse no momento da selección e da contratación e serán obxecto de comprobación pola entidade.


Compromiso coa igualdade de oportunidades e a non discriminación

Dano Cerebral Galicia mantén un firme compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión, a diversidade e a non discriminación.

Promovemos procesos de selección baseados en criterios obxectivos de formación, experiencia, competencias e adecuación ao posto, garantindo a igualdade de trato con independencia do sexo, xénero, identidade ou expresión de xénero, orientación sexual, idade, orixe, discapacidade, estado civil ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

Non se tolerarán comportamentos discriminatorios, actitudes machistas nin situacións de acoso sexual, por razón de sexo ou por outras causas discriminatorias.

Co obxectivo de reducir os posibles nesgos nos procesos de selección, recomendamos presentar currículos sen fotografía nin información persoal que non resulte relevante para valorar a candidatura, sempre que a plataforma permita xestionar adecuadamente a identificación e o contacto coas persoas participantes.

A selección desenvolverase de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e non discriminación.

Localización